Inspección de pimavera
Desta volta, coa situación da pandemia máis controlada, a inspección levouse a cabo coa participación activa dun grupo de alumnado do ciclo superior de Animación sociocultural e turística, nunha sesión altamente produtiva na que se aproveitaron as múltiples posibilidades que brinda o Proxecto ríos, paseando pola natureza e aproveitando momentos para sumar vivencias ao tempo que convivimos nunha contorna diferente, familiarización coa biodiversidade que se atopa no noso tramo de río, recollida de lixo e reflexión sobre a repercusión da falta de conciencia da sociedade na supervivencia deste tipo de ecosistemas, aproximación a especies invasoras, realización das medicións e análises relacionadas coa inspección.






Cedémoslle unha parcela na horta ao alumnado do CEIP Manuel Sueiro
O proxecto de horta escolar abre novas vías de coordinación intercentros permitindo o encontro con profesorado e alumnado do CEIP Manuel Sueiro que terá o seu propio bancal, encargándose dos seus coidados. A experiencia é ilusionante ao permitir pinchar os muros os centros e fundir ás comunidades educativas en proxectos comúns, toida unha oportunidade para coñecérmonos, falar e compartir experiencias e experiencias. A nosa benvida ás novas compañeiras e compañeiros de aventura pedagóxica.
Alumnado de 2º de primaria, acompañado polo seu profesorado, compariu un pimeiro e produtivo día de traballo na horta escolar no que, despois de recoñecer os espazos e comprobar o que xa está plantado, tomaron posesión do seu bancal poñendo as primeiras tomateiras, cebolas, leitugas e cenorias.
Unha vez realizadas as tarefas de plantación comezan os coidados polo que nos seguiremos vendo… Até pronto!
A voltas coa nosa horta
Coincidindo co final do segundo trimestre, alumnado do ciclo de Atención a persoas en situación de dependencia toma o relevo nas tarefas de coidado e mantemento da horta escolar, facendo un primeiro achegamento á mesma recoñecendo os espazos e familiarizándose cos mesmos. Así mesmo o alumnado de primeiro de Animación Sociocultural e Turística súmase pouco despois ao alumnado de Atención ás Persoas en Situación de Dependencia, explorando as posibilidades que ofrece no contexto do seu perfil profesional.
Dámoslle a benvida ao tempo que agradecemos ao alumnado do ciclo superior de Integración social a súa implicación que fixo posíbel que o proxecto botase a andar.


Saídas inverno 2020
O alumnado de 1º curso de Animación Sociocultural e Turística realizou este inverno unhas actividades no río Loña no marco dos proxectos dalgúns grupos de traballo.
A paisaxe do Loña é sobre todo unha paisaxe cultural, froito dos anos de relación do ser humano coa natureza, e á que especies vexetais e animais están moi ligadas. A propia lei do patrimonio cultural de Galicia define a paisaxe cultural como “o lugar identificable por un conxunto de cualidades culturais materiais e inmateriais singulares, obras combinadas da natureza e o ser humano, que é o resultado do proceso da interacción e interpretación que unha comunidade fai do medio natural que o sustenta e que constitúe o soporte material da súa identidade”.
Partindo deste punto, os proxectos do alumnado contemplan no seu deseño accións que inclúen a participación e memoria da comunidade local, así como a posta en valor do patrimonio natural e da cultura popular. Neste contexto da covid-19, as dificultades para desenvolver accións a nivel comunitario, e especialmente con persoas maiores, fixo priorizar de momento accións máis concretas e menos ambiciosas, pero que ao tempo nos permiten coa responsabilidade debida acreditar nas posibilidades da contorna do Loña para a educación ambiental. O feito de aproveitar moitos recursos naturais da contorna ao aire libre aumenta a seguridade e viabilidade das actividades ao tempo que valoramos importancia da cultura na saúde, tendo en conta a definición desta da Organización Mundial da Saúde (OMS) como un estado de completo de benestar físico, mental e social, alén da ausencia de enfermidades.
En concreto, neste medio, o alumnado realizou un bingo ambiental para observar a flora e especies autóctonas da contorna, e unha proposta de Land Art na que utilizando elementos naturais e fomentando a creatividade elaboramos composicións artísticas. O obxectivo foi, así mesmo, que o achegamento ao río tivese unha pegada neutra ou positiva, polo que se combinou coa recollida de lixo ao paso polo camiño.
Esperamos poder seguir observando e gozando o paso das estacións!
Bota a andar o proxecto de horta escolar, estanque e paseo de aromáticas
A principios do mes de decembro retomamos este proxecto, concibido durante o curso pasado, despois de verse truncado polo período de confinamento. O proxecto é reactivado coa implicación activa do grupo de 2º de Integración social. Mediante a experiencia aproveitamos para valorar as diferentes posibilidades que ofrecen estes recursos naturais e educativos como profesionais da integración social.
As primeiras tarefas son de estudo dos espazos, análise das posibilidades de cada un deles, tarefas de limpeza e acondicionamento básico dos bancais… para pasar despois a sementar e plantar as primeiras hortalizas e aromáticas.
A experiencia permítenos saír das aulas, organizármonos por grupos, repartir responsabilidades e tomar decisións consensuadas sabedoras de que van deixar pegada na contorna do centro.
Ademais dos traballos de tipo físico, necesarios nesta primeira fase do proxecto, realízase un estudo das prantas aromáticas que poderían adaptarse ao noso espazo.



Saídas outono 2020
Ao longo do primeiro trimestre alumnado de varios ciclos foise achegando ao río Loña para explorar as posibilidades que ofrece a súa contorna natural e cultural, tanto de cara a obter recursos dentro de cada perfil profesional como valorar o respecto pola natureza e fortalecer os lazos grupais.
– 30 de outubro, alumnado do CS de Educación infantil (1ºA).
– 3 de novembro, alumnado do CS de Animación sociocultural e turística.
– 16 de novembro, alumnado do CS de Integración social.
– 17 de novembro, alumnado do CS de Educación infantil (1ºB).
En concreto o alumnado do 2º curso do Ciclo superior de Integración social participou nunha sesión de traballo de tres horas na ribeira do río Lonia, que se estruturou en tres momentos. No primeiro fíxose un achegamento aos baños de bosque, explorando as múltiples posibilidades que nos ofrece a natureza para traballar a atención plena, o autocontrol ou a concentración ou o noso equilibrio emocional. Practicamos a respiración consciente, activamos os distintos sentidos, fundímonos coa natureza e compartimos as nosas experiencias. Nun segundo momento, achegámonos ao proxecto da Escola no río que se vén desenvolvendo, por parte de profesorado e alumnado de diversos ciclos formativos do noso departamento, desde hai varios anos e que no caso de integración social nos permite traballar en colaboración con entidades do noso sector, explorando as potencialidades das contornas naturais á hora de levar a cabo intervencións sociais. Finalmente, aproveitamos as posibilidades para compartir reflexións sobre o traballo de casos no que estivemos a traballar durante os últimos días, acreditando que as aulas son os únicos, nin teñen por que ser os mellores escenarios para desenvolver actividades lectivas.
Tres horas distintas, nas que tratamos de vivir experiencias diferentes ao tempo que recuperaramos folgos e ánimos para continuar coa nosa ‘rutina’.









Inspección de outono 2020
No marco do Proxecto Ríos este outono leváronse a cabo as tarefas de inspección do tramo do río Loña que temos asignado. Dadas as dificultades de facer a inspección cun grupo grande de alumnado, por mor da pandemia do Covid-19, desta volta optouse por realizala cun grupo de profesorado. Tivemos, así mesmo, a inmensa sorte de contar coa participación dalgunhas crianzas, fillas dunha parte do profesorado participante, o que nos permitiu acreditar as potencialidades deste tipo de actividades con crianzas de educación infantil. Confiamos en que a inspección de primavera si se poida realizar tal e como foi programada, implicando a alumnado dos distintos ciclos formativos que participan no Proxecto Ríos e no proxecto Escola no río.




















