2019-2020

Saída ao río Loña xunto con Autismo Ourense

Marzo 2020

O día que esperabamos e levabamos preparando con tanta ilusión chegou e o alumnado de 2º de Integración Social tivo o encontro cos mozos e mozas de Autismo Ourense no sendeiro do río Loña. Compartimos a merenda; fixemos unha descoberta de follas, paus e froitos; pintamos un mural coas mans; percorrimos un camiño sensorial cos pés descalzos e paseamos conxuntamente polo sendeiro do Loña. E o máis importante, compartimos uns momentos moi agradables e emocionantes que abriron novos horizontes entre o alumnado e permanecerán na nosa memoria. Grazas a todas as persoas que participaron.

Alumnado de Integración Social prepara e proba as actividades no río

Febreiro 2020

O alumnado de 2º de Integración Social, tras o visto bo e suxestións de mellora das nosas propostas por parte da asociación Autismo Ourense, regresou ao río Loña, probou todas as actividades e sacou imaxes dos pasos de cada unha para facilitar a anticipación nas persoas participantes. A secuencia de varias das actividades é a seguinte:

Descoberta

Estarán preparados diferentes elementos encima das mesas do merendeiro de Mende (follas, paus, froitos da árbore plátano común), cando cheguen as persoas participantes poderán identificar o obxecto situado na mesa coa foto correspondente e depositalo no recipiente correspondente que terá a imaxe dese elemento. Para facilitar a anticipación realizamos fotos da secuencia de pasos.

Mural

A actividade consiste en deixar a pegada das nosas mans en papel utilizando e sentindo un preparado de terra e auga como pigmento natural. Igualmente realizamos fotos da secuencia de pasos para facilitar a anticipación.

Camiño sensorial

No que a través dun percorrido duns metros camiñando cos pés descalzos percibiremos co tacto diferentes elementos naturais. A continuación a secuencia de pasos.

Agora só queda enviar as fotos á asociación e esperar ao día!

Alumnado de Integración Social retoma a colaboración con Autismo Ourense 

Xaneiro 2020

Dando continuidade ao proxecto Escola no Río, o alumnado de 2º de Integración Social pretende este curso achegarse tamén ao río entendéndoo como un espazo educativo e de participación e inclusión na comunidade.

Nesta liña, mantendo unha continuada comunicación coa asociación Autismo Ourense, o alumnado está a elaborar a proposta de varias actividades educativas e lúdicas na contorna natural do río Loña e a elaboración dun conto adaptado.

O primeiro paso foi seleccionar na aula varias propostas tendo en conta tanto as características das persoas participantes con autismo da asociación como a filosofía de proxecto ríos, polo que en todo momento tentamos seleccionar o uso de materiais biodegradables e metodoloxías respectuosas co medio natural. A continuación realizamos unha saída ao río para seleccionar que espazos e materiais poden ser os máis axeitados. Entre estas propostas están:

– Descoberta de varios elementos naturais (follas, paos, froitos…). Para facilitar a actividade e evitar o exceso de estímulos visuais foron seleccionados e apartados só tres elementos e realizadas unhas fotografías tendo en conta a claridade visual.
– Camiño sensorial, no que a través do tacto e o camiñar descalzas as persoas participantes perciban diferentes sensacións cos elementos seleccionados (pedras, follas, paos, herba…).
– Mural colectivo no que utilizando e sentindo a terra como pigmento natural deixaremos a pegada das nosas mans.
– Compartir a merenda. Na merenda dun xeito transversal aproveitaremos para traballar as nocións de reciclaxe.
– Presentarse e despedirse a través dalgunha dinámica ou canción.

Tras unha primeira posta en común con Autismo Ourense o segundo paso será nestes días dun xeito máis formal trasladarlles estas propostas, e unha vez recibidas as suxestións de mellora o seguinte paso será terminar de seleccionar as actividades (podendo incluir ou cambiar algunha), probar o seu funcionamento e seleccionar os apoios para facilitar a anticipación e comunicación.

Esperamos con entusiasmo poder seguir contando a evolución do proceso!

Saídas á ribeira do Loña co obxecto de presentar o proxecto

Outubro 2019

Como todos os anos no primeiro trimestre comezan as visitas dos distintos grupos á contorna na que se desenvolve o noso proxecto Escola no río.

Os grupos son acompañados polo profesorado de referencia e unha vez no bosque son informados das particularidades tanto do proxecto Escola no río, no que alumnado e profesorado do noso centro vén traballando desde hai varios anos, estudando e experimentando as posibilidades que unha contorna natural lle brinda ás nosas profesións, como as do Proxecto Ríos que cun carácter moito máis amplo e transversal nos xungue a outros moitos centros e colectivos, do noso país e doutros territorios, interesados pola conservación e preservación da natureza e dun xeito particular dos ecosistemas fluviais.

A visita é unha oportunidade para convivir e estreitar os lazos intragrupais ao tempo que se abren moitas posibilidades para ter novas ou distintas vivencias relacionadas coa natureza e a nosa posición fronte a ela.