Microtoponimia

2019-2020

Dando continuidade ao traballo realizado o curso anterior de identificar e coñecer os nomes que se lle foron dando aos espazos habitados e cultivados das ribeiras do Loña (tentando chegar ao significado dos mesmos), realizáronse os trámites para acadar unha conta na aplicación colaborativa en liña Galicia Nomeada, que permite de forma participativa e aberta a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega por parte de particulares, asociacións veciñais e culturais, comunidades de montes ou centros de ensino, entre outros axentes. Nomes de terras, regueiros, fontes, penedos ou muíños en Galicia corren o risco de desaparecer ante o despoboamento do rural ou os cambios sociais, manténdose a permanencia dos mesmos en moitas ocasións só na memoria das persoas maiores. Manter vivo este coñecemento permitirá as xeracións presentes e futuras comprender mellor a evolución ata o presente dos espazos que habitamos e a posibilidade de ser axentes activos de transformación social na contorna cunha perspectiva máis ampla.

Así mesmo, o alumnado do CASCT deseñou e concertou unha entrevista cun veciño de 91 anos das ribeiras do río Loña, o primeiro informante das varias persoas ás que pretendíamos chegar. A través do espazo de dúas horas compartidas descubrimos as historias e nomes dos muíños e aceas, as historias de ida e volta da emigración (principalmente a América) de habitantes de Mende ao longo do século XX, a importancia dos baños que existían e aos que viñan chegadas persoas doutros lugares como Lugo, hábitos como a maquía (pagamento cunha porción de gran ou fariña), a organización da festa do San Roque, aspectos relacionados coa pesca e as viñas e as oliveiras, os cambios nas especies e contorna natural do río, e anécdotas do día día do pasado nas ribeiras do río que albergan unha interesante riqueza etnográfica.

Se ben a información recollida estaba relacionada co patrimonio en xeral, e non só coa microtoponimia, no tocante a isto último quedou pendente regresar un día ao río acompañadas pola persoa entrevistada para xeorreferenciar os nomes deses lugares, así como realizar máis entrevistas a persoas veciñas, o que non foi posible temporalmente debido a situación da covid-19.

2018-2019

Un grupo de alumnado do Ciclo de Animación Sociocultural e Turística achegouse ás ribeiras do río Loña co obxectivo identificar e coñecer os nomes que se lle foron dando aos espazos habitados e cultivados das ribeiras do Loña. A proposta inicial era máis ambiciosa en canto que se quería chegar ao significado dos nomes dados a estos espazos, procurando cal foi a realidade xeográfica, usos e/ou características que deron nome aos mesmos.

A toponimia forma parte do patrimonio inmaterial, sendo un sinal da identidade colectiva. A riqueza dos nomes de lugar é inmensa,  se temos en conta o que dicía  Filgueira Valverde falaríamos de «trinta millóns de fincas, cada unha con seu nome«.  Nesta ocasión achegámonos as ribeiras do Loña para descubrir os nomes dos lugares que transitamos. 

Comezamos por analizar o propio nome do río. Nace en Loña do Monte, de donde colle o nome, e pouco mais de 20 kms río abaixo desemboca no Miño. Nas súas ribeiras son diversos os nomes dos espazos habitados e aproveitados polas persoas do lugar, recoñecendo todos eles estes nomes como sinais de identidade colectiva.

Da análise realizada, obtivéronse os seguintes datos:  Loña Arriba (1), Loña de Abaixo (2), Regata (3), Borraxeiras (4), San Cibrao (5), Seixa (6), Campo da Tenencia (7), Granxa (8), Prado Lonia (9), Bamio (10), Insua (11), Carreira (12) e Mende de Mende (13).

Microtoponimia.jpg

Queda pendente para o vindeiro curso, afondar na orixe e os motivos que hai atrás de cada un de estes nomes, e a pegada que deixaron nas persoas que os habitaron, transitaron e disfrutaron ao longo do tempo.