Saída de convivencia de profesorado e alumnado do CIFP Portovello con profesionais e persoas usuarias de Autismo Ourense (30/05/2019).
Dando continuidade á colaboración establecida no curso pasado, novamente realizamos un convivio entre alumnado do noso centro e persoas con TEA. O encontro desenvolveuse na ribeira do Loña e consistiu nun momento de merenda, un rastrexo para facer un collage cos elementos da natureza e paseo conxunto, desde as inmediacións do colexio de Mende, onde comezou o encontro e se desenvolveu a merenda, até a ponte romana. Nesta xornada participou alumnado de todos os ciclos que se imparten no noso centro, tanto na modalidade de ordinario como dúas alumnas da modalidade de distancia do CS Educación Infantil.
Inspección de primavera de Proxecto Ríos (13/05/2019).
Para o estudo do estado de conservación do río Lonia analizouse a conservación dos distintos estratos da vexetación (herbáceo, arbustivo e arbóreo), así como a presenza de obxectos ou actuacións humanas que perturben o curso fluvial natural. Previamente familiarizámonos na aula coas fichas proporcionadas por ADEGA, que posteriormente foron utilizadas durante a inspección, e visualizamos algún vídeo explicativo do proxecto.
O alumnado participou activamente, quedou satisfeito coa experiencia e aprendeu moito sobre o estudo e a conservación do medio natural, o que contribúe á sensibilización e concienciación no respecto e protección da natureza.
Principais conclusións:
O río Loña amosa un bosque de galería aceptablemente conservado, no que se aprecia biodiversidade, contando cunha importante presenza de especies arbóreas autóctonas variadas, entre as que comeza a albiscarse algunha alóctona.
Respecto á calidade das súas transparentes augas, as especies bioindicadoras da macrofauna sitúan tamén ao río Lonia como un río cun bo estado de conservación no tramo no que se realizou a inspección.
Obsérvase algunha especie exótica invasora tanto na masa arbórea, como nas plantas ou nos animais detectados.
As recollidas de lixo (plásticos, vidro, envases, pilas, cabichas, …) amosan a necesidade de deseñar e poñer en funcionamento campañas de concienciación das persoas que habitualmente transitan por este espazo natural.
Saída formativa para coñecer máis polo miúdo as particularidades do Proxecto Ríos e as características da inspección do río e da conservación dos ecosistemas fluviais (02/05/2019):
Acompañad@s por Ramsés Pérez (ADEGA), unha representación dos diferentes grupos do centro participou nunha produtiva saída formativa na que tivemos a ocasión de respostar dúbidas e aprender sobre como realizar a inspección do río.
Ao pé da ponte do Loña Ramsés, despois de facer unha presentación da asociación ecoloxista ADEGA, foi debullando as particularidades do Proxecto Ríos, así como presentando os materiais elaborados como apoio das tarefas de inspección e control do tramo de río asignado.
Rematada esta primeira fase de presentación encamiñámonos cara o lugar de inspección. Unha vez alí, Ramsés explicounos como proceder para realizar a obtención de mostras, presentándonos o material preciso para a mesma.
Coñecidas as instrucións, entrando no río, amosounos o procedemento de recollida das mostras producindo o mínimo impacto posíbel, axudándonos a reparar nos detalles a ter en conta á hora de realizar este tipo de tarefas.

Coas bandexas das mostras, e a axuda das fichas, procedemos a verificar os achádegos. Máis unha vez, a intervención didáctica de Ramsés foi de gran valor para decatármonos de aspectos substanciais, como a presenza de especies invasoras ou as particularidades da identificación dos macroinvertebrados. Finalizada a análise interpretamos os resultados e aprendemos como cubrir a ficha de datos.
Despois de solventar todas as nosas dúbidas, no camiño de regreso, tivemos a ocasión de analizar as particularidades da vexetación na ribeira do Lonia. Identificamos árbores, comparamos as súas follas, coñecemos características e usos da súa madeira e algunha das doenzas que está a afectar a algunhas delas. Tamén distinguimos algunhas especies invasoras.
A valoración global das actividade foi moi positiva, sentando as bases das actividades seguintes nas que tocaba asumir a responsabilidade da inspección xa sen titoría…
Encontro do alumnado e profesorado do CIFP Portovello, CRA de Meis e CPI Mosteiro Meis (23/10/2018):
Vencellos entre escolas, etapas educativas e territorios diversos con obxectivos comúns…

Avanzando nesta aventura pedagóxica na que nos atopaños mergullad@s, acreditamos que outra escola é posíbel e construirase con profesionais comprometidas que teñan claras as súas prioridades.
Para nós é un privilexio poder compartir coas comunidades educativas do CRA de Meis e o CPI de Mosteiro-Meis a construción deste proxecto común dunha Escola no río que xa saltou os muros dos nosos respectivos centros e nos vai permitindo enriquecérmonos en cada ocasión na que temos a oportunidade de encontrármonos.
Ecos na prensa local:
- A Martínez: Alumnos que también son maestros. Faro de Vigo (24/10/2018).
-
Escolares de Meis muestran la riqueza de sus ríos a niños de Ourense. Diario de Arousa (24/10/2018)
Inspección de outono de Proxecto Ríos (18/10/2018)
No transcurso da mañá unha representación de alumnado e profesorado do CIFP Portovello, baixamos ao río Lonia para facer os traballos de inspección de Outono. Máis unha vez o Proxecto Ríos brindounos a oportunidade de mellorar a nosa convivencia ao tempo que promovemos aprendizaxes vivenciadas e desenvolvemos afectos pola natureza. A pesar da intensa choiva do día anterior o tempo axudou e a mañá foi do máis frutifera.

Procesos educativos intensos vividos en contextos espazo temporais diferentes lévannos a ratificar a necesidade seguir loitando por pinchar os muros das nosas aulas…
Saídas co alumnado dos diferentes grupos co obxecto de (re)coñecer os espazos e achegarse ás paricularidades do proxecto Escola no río
Durante o mes de outubro distintos grupos da familia profesional de Servizos socioculturais e á comunidade fan as primeiras saídas á contorna do río Loña.

- Crónica da saída co grupo de 1º A do CSEI (5/10/2018), procedente do portfolio dun docente.
Participación no XXVIII curso de formación do Proxecto Ríos (29/10/2018)

O sábado 29 de outubro do 2018 unha representación do noso equipo, xunto con compañeir@s do CRA de Meis e do CPI Mosteiro-Meis, tivemos a ocasión de presentar o noso proxecto común e as particularidades do mesmo en cada un dos centros no XXVIII Curso de Formación do Proxecto Ríos, celebrado na Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con en Vilagarcía de Arousa. O obxectivo da xornada é dar a coñecer o Proxecvto Ríos e a metodoloxía que emprega a aquel@s participantes que inician a súa participación.
- Crónica do curso na web de Proxecto ríos.
- Álbum fotográfico da xornada.
- Presentación da Escola no río_CIFP Portovello utilizada no curso.

