07/10/2016
Hoxe a nosa clase realizamos unha excursión ao parque do Lonia.
Todo isto, pese a que a primeira vista non tivera un carácter educativo, foi unha das saídas máis especiais que eu fixen ata agora na miña traxectoria estudantil.
Aprendín que a natureza serve como un marabilloso método para ensinarlle aos nenos e nenas dunha outra maneira, diferente da típica e tradicional.
Aprendín que todo o que nos arrodea pode valer para ensinar matemáticas, plástica, música, lingua…
Aprendín que non sempre o método tradicional e o máis estendido é o mellor.
Pero sobre todo entendín o que foi reencontrarme comigo mesma. Volvín a entender que para ser feliz simplemente necesitas respirar aire puro, que non fan falta tantos luxos para poder aprender. Pero creo que o máis importante foi determe, parar os meus pés e fixarme en todo o tesouro que eu teño ao redor miña. Esquecéraseme o que era escoitar o son do río en vez do dun teléfono móbil, recordei que non fai falta a caixa máis cara de ceras de cores para descubrilos, que so fai falta abrir ben os ollos e procuralos no mundo real. Volvín a sentir o que era formar parte da natureza ao tocar unha árbore, terra mollada, pedras, auga… En definitiva, sentir o mundo que nos rodea.

Quizais estou esaxerando un pouco ao dicir que me volvín a reencontrar ca natureza, porque teño a sorte de vivir nun pobo onde a dez minutos podes atoparte o río, montañas, monumentos como torres, un lugar verde no que relaxarte… Pero esta vez, acudindo ao Lonia, volvín a sentilo dunha maneira especial, moi especial… Xa que o sentín coma se volvera a ser unha nena pequena.
E se eu, que con 19 anos sentín iso sendo consciente do mundo que me arrodea… Canto máis sentirá un neno? A eles quédanlle milleiros de cousas por descubrir e o único que se está conseguindo co modelo de escolas tradicionais que existen é sentalos nunhas cadeiras diante duns libros para aprenderlle cousas que existen no mundo real: Para que amosarlle a foto das partes dunha árbore cando poden ir a aprendelas e tocalas coas súas propias mans?

Panem et circenses… Non se pode permitir isto… E todos deberiamos intentar cambialo.
Por último, gustaríame recoller unha frase da que me acordei ao escribir e vivir isto:
‘Como é que, sendo tan intelixentes os nenos, son tan estúpidos os homes? Debe ser froito da educación.’ Alejandro Dumas
15/02/2017
Quince de febreiro de dous mil dezasete; que casualidade que ao número quince lle chamen a nena bonita, parece que o día xa nos marcaba dende un principio o que estaba por chegar. Marchamos todas e todos ao Parque Lonia, como se as case corenta persoas se fixeran unha para disfrutar de todas as posibilidades que a natureza nos brinda.
Dende o primeiro momento un resquicio de felicidade inundábanos dos pés á cabeza. Cada paso dado era como un paso máis cara a volta á infancia, explorando todas as posiblidades que aquel lugar cheo de calma e harmonía nos brindaba.
A tranquilidade coa que se realizaba o camiño ofreceunos a posiblidade de educarnos en valores xa case perdidos na sociedade e en deixarnos facer voar a nosa creatividade coma facía anos que non voaba; gran metáfora o de deixala voar, igual que voaba cada paxaro dos que queríamos saber todo; dende o seu nome, o seu canto ata as súas pequenas curiosidades.
O edén convertiuse en real naquel lugar que so desprendía paz, pureza e serenidade.
Da igual a idade que teñamos cada unha das persoas que por sorte imos gozar e participar deste gran proxecto, porque o sentimento de nostalxia que invadiu todos as nosas mentes foi común, demasiados recordos que quizais tiñamos olvidados en alguna parte do cerebro e que puidemos recuperar e traer ao presente grazas á relaxación que un lugar tan virxe e natural nos ofrece.
A liberdade total é imposible poder alcanzala, pero pasear por aquel paraíso fixo que case nos sentiramos así.
O cansazo non nos impediu a ningunha persoa das que alí nos atopabamos ter milleiros de sensación tan diferentes e á vez tan iguais.
Realmente amamos a natureza, xa que ámala cando en cada pequeno detalle atopas grandes cousas.

