Camiño sensorial

Pensada para…

… fomentar a autonomía a través da experimentación.

… percibir a través do tacto diferentes sensacións que nos ofrece a natureza.

Pasamos á acción…

Nesta actividade percorreremos un camiño pasando por diferentes elementos naturais cos pés descalzos.

En primeiro lugar seleccionamos elementos da nosa contorna que produzan diferentes sensacións ao contacto coa pel (follas, herba, terra, area, coios…), respectando o medio natural. A continuación podemos seleccionar paus para delimitar as marxes do camiño sensorial así como as diferentes estacións.

Finalmente podemos descalzarnos e dispornos a camiñar enriba dos elementos previamente seleccionados, para por último recoller.

Precisamos…

Un espazo chairo.

Diferentes materiais que nos ofrece a natureza na contorna (paus, follas secas e verdes, froitos, area…).

Persoas que colaboren na preparación e realizando a actividade primeiro para mostrar.

Actividade deseñada polo alumnado de 2º de Integración Social (febreiro 2020)

Mural: a pegada das nosas mans

Pensada para…

… facilitar a creación artística e conxunta a través da percepción sensorial utilizando o noso corpo e elementos biodegradábeis da contorna.

Pasamos á acción…

Comezamos preparando un pigmento a base de terra e auga, buscando o equilibrio na combinación dos dous elementos para que quede o máis parecido á lama. Unha vez preparado, ao inicio da actividade facilitamos a secuencia dos pasos con imaxes para unha mellor comunicación e comprensión. A continuación introducimos a palma da man na terra.

Coas mans pintadas, apoiamos a palma da nosa man no mural deixando a nosa pegada xunto coa das demais persoas.

Finalmente, lavamos as nosas mans nun cubo de auga limpa ou fonte cercana.

Precisamos…

Un espazo amplo e aberto.

Auga, terra, algún material de soporte para deixar as marcas das mans e recipientes.

Persoas que colaboren na actividade acompañando ou actuando como exemplo.

Actividade deseñada polo alumnado de 2º de Integración Social (febreiro 2020)

Descoberta

Pensada para…

… identificar e discriminar diferentes elementos naturais.

… facilitar a categorización e xeneralización dos obxectos.

Pasamos á acción…

A actividade consiste en identificar o obxecto natural que corresponde coa foto entregada á persoa participante, para posteriormente levalo a outro punto e depositalo na caixa correspondente desa categoría de elementos.

Para comezar a preparar a actividade e co fin de evitar o exceso de estímulos visuais, en primeiro lugar seleccionaremos só tres elementos naturais que estean presentes na contorna do río, o que pode variar segundo a estación do año. Poden ser follas caídas, paus, froitos no chan…

A continuación, para facilitar a claridade visual, en cada mesa ou soporte haberá un obxecto de cada tipo (un total de tres obxectos) sobre un fondo branco (pode ser unha tea ou folio). É preferible aproveitar o espazo para que non se xunten moitas persoas nun mesmo punto. A cada persoa se lle entregará a imaxe do obxecto que debe procurar, e ao mesmo tempo serán facilitadas imaxes da secuencia de pasos da actividade para facilitar a anticipación e explicación.

Unha vez seleccionado o elemento, este será levado a súa caixa correspondente xunto cos obxectos da mesma categoría. Esta caixa terá cada unha no seu interior como exemplo un deses elementos así como unha imaxe exterior para facilitar a comunicación e clasificación. Unha vez depositado, darase por terminado o xogo.

Precisamos…

Un espazo exterior amplo e chan, preferiblemente con elementos que poidan servir de soporte e apoio dos obxectos.

Un conxunto de elementos naturais (follas caídas, paus, froitos caídos da árbore plátano común, cantos…) e caixas.

Un grupo de persoas que colaboren na actividade.

Actividade deseñada polo alumnado de 2º de Integración Social (febreiro 2020)

Valoración final do Proxecto Ríos. Milena Luis

Marzo de 2020

Na vivencia persoal neste poxecto, creo que e a pesar de que tiven un momento de “desanimada”, si que desfrutei moito cando fun ó río e montamos xa as actividades e puidemos ver por fin como as ían facer as persoas usuarias. Tamén foi unha boa experiencia porque eu, que quero facer as prácticas con autismo, puiden comprobar de primeira man como realizan as actividades, as dificultades e as capacidades que teñen para poder facelas. Cando vin a estas persoas facer as actividades que nós desenvolvemos, sentín que as veces non nos damos conta da sorte que temos de poder facer cousas tan
cotidianas como poder ir ao supermercado soas. Creo que é nestes momentos nos que te das conta de que, a pesar de que estas personas teñen limitacións a hora de facer moitas cousas, polo menos intentan facer as actividades e realizan cousas tan ou máis difíciles ca nós.

Esta experiencia para min foi marabillosa. Aparte da gran experiencia, tamén aprendimos como traballar con persoas que teñen autismo; como é a metodoloxía de traballo, a importancia de organizar as actividades, as súas rutinas, como deben ter organizada a mesa, etc. Para min foi unha gran aprendizaxe, a parte de a nivel profesional, a nivel persoal, xa que ainda que é importante coñecer en clase información dos colectivos, penso que a verdadeira aprendizaxe realízase cando se traballa con eles/as.

Valoración final do Proxecto Ríos. Santiago Martínez

Marzo de 2020


Esta viaxe do Proxecto Rios é probablemente un dos mellores recordos, e das mellores aprendizaxes, que levo do Ciclo no Portovello. O outro dia, no rio, en Mende, non chorei, pero ganas me sobraban. Estaba moi orgulloso. Do meu traballo. Do dos meus compañeiros. Do do profesor. Do dos técnicos de Autismo Ourense. Pero sobre todo o estaba de ver como os usuarios, os rapaces da asociación, viviron a experiencia. Como participaron da nosa actividade. Como a desfrutaron, como repetían e volvían poñer as mans por iniciativa propia. Como lavaban as mans no caldeiro sen que ninguén llelo dixera. A verdade, emocioneime, e moito.

Foi un bo final, para un bo comezo. Aprendín moito, aprendín como se fai, emocionándome. Pouco a pouco, pasiño a pasiño. Pensando a actividade. Que tipo de terra usaríamos. Como facer a mestura da auga. Como programar a actividade. Todo fíxeno con cariño e ilusión e de premio leveime unha magnifica aprendizaxe. Tiven así mesmo a oportunidade de falar cos técnicos de Autismo Ourense e poñer en común as nosas experiencias e impresións. Foi un magnifico camiño de volta falando coa compañeira. Gardarei con grande cariño a tira cos pasos de anticipación do noso mural, e alégrome que levaran para “a súa casa” o resultado no noso mural en papel, para conservalo na súa Asociación.

Acordareime sempre, da aprendizaxe con persoas con TEA, iso, con persoas; do mestre, dos compañeiros e dese precioso día de sol ó carón do Lonia.

Valoración final do Proxecto Ríos. Sara Fernández

Marzo de 2020

Para min foi unha experiencia moi enriquecedora. Hai días, non cría que fósemos lograr os obxectivos que tiñamos previstos desde un principio, xa que nunca leváramos a cabo unha actividade neste caso, con persoas con autismo, tampouco tiñamos asegurado recibir un feedback, e por iso non dábamos manexado a situación. Pero aconteceu todo o contrario. Se teño que dicir cal foi o momento máis incómodo diría que os primeiros minutos, é dicir, a merenda. Foi o primeiro contacto e era todo máis forzado, pero unha vez que empezou a primeira actividade foi todo a mellor, todas as actividades vin que saíron moi ben, víaselles cómodos e cómodas e iso fixo que nós como “coordinadoras” nos deixásemos levar e gozásemos tamén. Como aprendizaxe —non só desta experiencia, senón de todo— lévome non quedarme coas primeiras impresións nin ter expectativas, xa que non sempre saen as cousas como unha quere. Hai que ter presente que o primordial é confiar nunha mesma sempre.