Xuño de 2021
Sempre considerei que o contacto directo coa natureza, é preciso e vital en calquera entorno, actividade, etapa ou, momento. Camiñar polo monte, ás beiras do río, inspirar e respirar, escoitar o son da auga correr, os paxaros a repicar, sentir o aire na cara e, ulir ese característico cheiro (aínda cas máscaras) que teñen os carballos ou as herbas molladas, supón, para min, tranquilidade, desconexión, reflexión, aprendizaxe, liberdade e, un alento de aire fresco que axuda a seguir camiñando nesta vida frenética que nos caracteriza como sociedade. E en concreto, este ano, se temos en conta o contexto pandémico no que vivimos, o estrés que supuxo este a nivel académico e tamén, persoal, saír ás beiras do Loña fíxose, aínda, máis necesario, estabilizador e pracenteiro. Así mesmo, ter a posibilidade de deseñar, realizar e participar en diferentes actividades socioculturais neste eido nas que ademais, se podía poñer en valor e, coñecer a riqueza patrimonial, as testemuñas e o contexto social que rodeou e rodea ás beiras do Loña, demostra que para facer actividades no que a animación sociocultural se refire, non son precisos centos de recursos senón, coñecer, valorar e aprender no e sobre o entorno natural que nos rodea para así, favorecer o desfrute, a aprendizaxe e as experiencias sensoriais dxs participantes.
En canto á nosa participación na horta e charca do Portovello, no meu caso persoal, coñecía o traballo e os procesos a desenvolver nunha horta tradicional que pode haber en calquera casa do rural galego pero, nunca, traballara nunha horta en bancais, sen regos marcados para sementar ou, no clima característico da cidade de Ourense por exemplo. Así mesmo, nunca me parara a pensar nas posibilidades que podía ter o espazo dunha charca para a animación sociocultural e/ou, as habilidades que se poden adquirir traballando e deseñando unha zona como esta. Deste xeito ademais de descubrir outro tipo de horta e espazos que me parecen útiles, cómodos e axeitados non só para contextos urbanos se non tamén, para traballar en calquera tipo de actividade e/ou con calquera tipo de público en relación coa animación sociocultural, supuxo, para min, un proceso de aprendizaxe cooperativo, unha vía de escape das actividades docentes habituais e, poder aprender a través dos propios erros plantando, podando e sementando con consellos pero non imposicións ou restricións e, non importando tanto o resultado final como o proceso en si mesmo. Considero que unha vez aprendidos, vistos e descubertos estes recursos, se poden aplicar en moitas e futuras actividades que servirán para favorecer a participación activa de gran parte de calquera comunidade, a democracia cultural e as relacións sociais das persoas que participen.



