Pensada para…
Familiarizar ás crianzas co seu entorno recoñecendo e observando plantas, paxaros, insectos, árbores, flores….
Fomentar o vínculo co contorno que arrodea ás crianzas así como as dinámicas de coidado e respecto polo vivo a través da construción dun xoguete, o barco, respectuoso co medio ambiente.
Proporcionar experiencias reais nas que, nenas e nenos, poidan recibir información significativa do que observan e manipulan ao tempo que utilizan a linguaxe para expresar o que senten e interactuar coas demais crianzas.
Poñer en práctica experiencias lúdicas a través das que comprender as transformacións da natureza: mollado- húmido -seco, rápido- lento, frío- morno -quente…
Pasamos á acción…
Esta aventura comeza compartindo o que sabemos.. o que non sabemos.. o que queremos descubrir… aquilo que nos gusta, nos desgusta… todo canto vaia xurdindo ao redor do natural, das follas, dos ríos, dos bichiños… do que imos facer e do que non debemos facer…. que mellor que unha Asemblea para facelo…
Colocarémonos en semicírculo e preguntarémoslle aos nenos/as, a través dunha asemblea inicial, se coñecen o entorno natural no que imos a traballar, e presentarémoslle en que vai consistir o proxecto, a creación de barcos con materiais que se recollan na natureza e que desenvolveremos nos días posteriores.
Para iso é moi importante a súa opinión e os coñecementos que teñan xa con antelación.
Ese mesmo día, ou nos días anteriores sairemos a recoller os materiais ao redor do río, cun saquiño observaremos os camiños, as folliñas que hai no chan, os paociños que podamos ir atopando… sen arrincar nada… de calquera rama ou cortiza podemos facer construcións incribles!…
“..pero non podemos destruír fogares…. Teremos que observar detidamente se existe algún inquilino ou inquilina… para non cambiarlles de casa senón… terían que cambiar de escola tamén!, perderían de vista aos seus amigos e amigas!….»
É moi importante que durante o paseo e a busca de materiais comuniquemos todo aquillo que nós consideremos importante de xeito divertido e ameno… case como un conto, mantendo a atención e o interese das crianzas para que interactúen, falen, se expoñan cuestión….
Xa cos materiais recollidos, construiremos os barcos.
Primeiramente, ordenarémolos por tipos (clasificaremos as madeiras, e anacos de madeiras, por outra banda os paos e xa seguidamente colocaremos as follas que temos).
Pasaremos ao proceso de toma de decisións, respectando as individualidades de cada unha, temos que ter en conta que non todas as crianzas quererán utilizar os mesmos materiais. Calquera peza de madeira (pao, cortiza, piña, cáscara…) ao que se lle axuste unha folla (carballo, figueira, castiñeiro…) pode ser unha boa embarcación.
E unha vez que cada crianza teña o seu material, pasaremos á construción da nave… teremos que pedirlles que proben, ou pensen como van facer… mentres as acompañamos e axudamos na construción. Para atar as pezas, serviranos calquera herba resistente, ou corda natural. Non utilizaremos ningún material de plástico.
Xa remataremos o proxecto coa posta en funcionamento dos nosos barcos. En función do número de rapaces e rapazas que nos acompañen, iremos deixando en varios embarcadoiros (partes do río) as naves… e soltándoas unha a unha ou varias a un tempo e vendo como se desprazan polo río: se se manteñen, se hai vento, se hai correntes de auga ou está en calma…
Precisamos…
Madeiras ou elementos de madeira que atopemos durante o paseo como cortizas, paos, piñas, cáscaras de noz…
Follas das caídas, dependendo da estación teremos máis ou menos variedade pero recolleremos aquelas que temos polo chan, sen arrancar ningunha.
Para montalos utilizaremos corda natural de distintos grosores ou ramiñas flexibles.


