Pensada para…
… que as crianzas vaian adquirindo progresivamente unha maior indentidade e autonomía persoal ao tempo que asentan as súas experiencias no coñecemento do contorno.
… que aproveitando as posibilidades da natureza, as crianzas perciban novas sensacións.
… que mediante a exploración e a experimentación, a través do tacto, as crianzas descubran e identifiquen diferentes texturas dos elementos naturais.
Pasamos á acción…
Prepararemos un percorrido sensorial para explorar cos pés distintos materiais que nos ofrece o contorno e dispoñeremos dunhas caixas sensoriais que permitan a exploración coas mans dos mesmos materiais.
Camiños sensoriais
Caixas sensoriais
A proposta divídese en varias partes:
Primeiramente seleccionamos o espazo no que levaremos a cabo a actividade (condicións de seguridades, chan adecuado, libre de obstáculos…), recollemos materiais pola zona que ofrezan distintas posibilidades sensoriais (follas verdes e secas, seixos, cortiza, liques desprendidos …), tendo en conta o respecto que debemos profesar polo medio natural, e finalmente, deseñamos o percorrido sensorial.
A actividade consistirá en que as crianzas descalzas pasen por enriba dos elementos naturais recollidos.
Antes de comezar sentaremos todas no chan para pór en común o que imos facer, momento que será aproveitado para decidir se precisamos a axuda de outra persoa que nos sirva de apoio ou nos valemos por nós mesmas, descalzámonos e, de xeito ordenado, sen présas pasamos ao percorrido, deténdonos canto sexa preciso. Esta parte da actividade remata cando todas teñamos realizado o intinerario.
[youtube https://www.youtube.com/watch?v=bx9wbZEpifs?ecver=1&w=560&h=315]
O seguinte paso será sentármonos novamente voltando á calma, calzámonos e presentamos os elementos utilizados identificándoos polo seu nome, animando á exploración de cada un deles. Remataremos pondo en común as experiencias vivenciadas e introducindo a seguinte parte da nosa proposta.
Neste momento encontraremos no chan unhas caixas no mesmo número que elementos tivera o percorrido. Cada caixa incluirá un deses elementos naturais. As caixas estará tapadas de xeito que non podamos ver o interior e teñamos que ir metendo as mans, para recoñecer o elemento de que se trata e as súas características (textura, volume, …).

Precisamos…
… Un espazo axeitado dentro do bosque.
… Un conxunto de elementos da natureza presentes na contorna: lique, seixos, froitos, sementes, paus, follas, tanto secas coma verdes, …
… Caixas de cartón preparadas para a exploración.