Pensada para…
… que mediante elementos naturais presentes no río, como son os seixos, as crianzas traballen diferentes intelixencias: espacial, lóxico-matemática, lingüística, naturalista.
… que, a partir da manipulación dos seixos, as crianzas discriminen formas, cores e volumes, ao tempo que identifican diferentes texturas.
… que as crianzas desenvolvan propostas construtivas e/ou artísticas efémeras cos seixos como elemento.
Pasamos á acción…
Despois dun primeiro momento de exploración, no que as crianzas recoñezan o terreo e identifiquen elementos presentes no mesmo, sentaremos no chan e presentámoslle a colección de seixos que previamente teremos preparada –co obxecto de atenuar o impacto sobre o ecosistema no que desenvolvemos a nosa proposta-, pedíndolle que os observen, os toquen e experimenten con eles. Podemos estimular a exploración preguntando sobre a temperatura, o peso, o tamaño, …, deixando a máxima autonomía posíbel.

Unha vez satisfeita a curiosidade, distribuímos ás crianzas en pequenos grupos e, arredor dun lote de seixos, estimulámolas para que realicen algunha acción ou produción cos mesmos. Durante o desenvolvemento da actividade as persoas adultas deixaremos liberdade de acción, limitándonos a observar e documentar o proceso, intervindo só en caso de que sexa estritamente preciso.

A medida que os grupos van rematando as súas propostas retíranse para, finalmente, facer un percorrido conxunto polas mesmas pedíndolle a cada grupo que faga unha presentación da mesma.
Antes de dar por rematada a actividade tiraremos fotografías de todas as producións, introducindo o concepto de arte efémero asociado á necesidade de preservar o contexto do bosque…
Precisamos…
… Un espazo axeitado dentro do bosque.
… Un lote de seixos de distintos tamaños, formas e cores

