Enredamos e experimentamos coa auga

Pensada para

…que partindo da interacción cun elemento natural, como a auga, as crianzas se acheguen ao coñecemento da materia.

…que con algo tan simple como soltar unha pedra, un pau, unha folla ou outros materiais naturais, nun balde con auga, potenciar a capacidade de pensamento deductivo, desenvolvendo diferentes intelixencias.

Pasamos á acción

Escollido o lugar no que se vai desenvolver a proposta, preto do río, máis a unha distancia que permita as interaccións entre as crianzas e os materiais sen que exista perigo, garantindo que todo o grupo poida formar un corro.

Prepararemos dous baldes de plástico transparente e encherémolos ata a metade de auga, xuntámonos todas e todos arredor dos baldes e presentamos a dinámica da actividade coa axuda dunha pequena selección de obxectos naturais como algunha pedra, paos e follas, co obxecto de que se fagan unha idea de que materiais poden recolectar máis tarde.

Imagen 1

A continuación, pedirémoslle ás crianzas que recollan pola contorna dous ou tres materiais naturais que se poidan meter nos baldes. Insistiremos en que non se trata de coller moitos, senón cousas diferentes.

Unha vez feita a colleita, voltamos ao corro en torno aos baldes e de xeito organizado, en pequenos grupos, comezamos a experimentar cos elementos recollidos e a auga dos baldes. Non existe un guión previsto, deixando liberdade.

A actividade pode conducir ás crianzas a facerse preguntas sobre por que algúns obxectos flotan e outros non, por que uns afondan máis rápido que outros, por que se producen ondas cando algúns obxectos caen sobre a auga, se o que acontece no balde tamén ocorre no río, por que as cousas se ven diferentes a través da auga ou das paredes do balde… Co formato dunha asemblea promoverase que a través de diálogos moderados vaian formulando as súas preguntas e hipoteses e atopando respostas. As persoas adultas limitarémonos a animar e moderar a participación, se é preciso, observando con atención o que ocorre e documentando o proceso.

Rematada a actividade, coa participación de todas e todos, recolleremos todo deixando o espazo como estaba cando chegamos.

Precisamos…

… Un espazo chan e con boa luz.

… 2 baldes de plástico transparentes.

… Elementos naturais presentes no bosque (follas, paos, pedras, etc).

… Toallas ou papel para secarse as mans.

 

Sentimos coa pel, enredamos co tacto…

Pensada para…

… que as crianzas vaian adquirindo progresivamente unha maior indentidade e autonomía persoal ao tempo que asentan as súas experiencias no coñecemento do contorno.

… que aproveitando as posibilidades da natureza, as crianzas perciban novas sensacións.

… que mediante a exploración e a experimentación, a través do tacto, as crianzas descubran e  identifiquen diferentes texturas dos elementos naturais.

Pasamos á acción…

Prepararemos un percorrido sensorial para explorar cos pés distintos materiais que nos ofrece o contorno e dispoñeremos dunhas caixas sensoriais que permitan a exploración coas mans dos mesmos materiais.

A proposta divídese en varias partes:

Primeiramente seleccionamos o espazo no que levaremos a cabo a actividade (condicións de seguridades, chan adecuado, libre de obstáculos…), recollemos materiais pola zona que ofrezan distintas posibilidades sensoriais (follas verdes e secas, seixos, cortiza, liques desprendidos …), tendo en conta o respecto que debemos profesar polo medio natural,  e finalmente, deseñamos o percorrido sensorial.

A actividade consistirá en que as crianzas descalzas pasen por enriba dos elementos naturais recollidos.

Antes de comezar sentaremos todas no chan para pór en común o que imos facer, momento que será aproveitado para decidir se precisamos a axuda de outra persoa que nos sirva de apoio ou nos valemos por nós mesmas, descalzámonos e, de xeito ordenado, sen présas pasamos ao percorrido, deténdonos canto sexa preciso. Esta parte da actividade remata cando todas teñamos realizado o intinerario.

[youtube https://www.youtube.com/watch?v=bx9wbZEpifs?ecver=1&w=560&h=315]

O seguinte paso será sentármonos novamente voltando á calma, calzámonos e presentamos os elementos utilizados identificándoos polo seu nome, animando á exploración de cada un deles. Remataremos pondo en común as experiencias vivenciadas e introducindo a seguinte parte da nosa proposta.

Neste momento encontraremos no chan unhas caixas no mesmo número que elementos tivera o percorrido. Cada caixa incluirá un  deses elementos naturais. As caixas estará tapadas de xeito que non podamos ver o interior e teñamos que ir metendo as mans, para recoñecer o elemento de que se trata e as súas características (textura, volume, …).

Caixas sensoriais

Precisamos…

… Un espazo axeitado dentro do bosque.

… Un conxunto de elementos da natureza presentes na contorna: lique, seixos, froitos, sementes, paus, follas, tanto secas coma verdes, …

… Caixas de cartón preparadas para a exploración.