Pensada para
…que partindo da interacción cun elemento natural, como a auga, as crianzas se acheguen ao coñecemento da materia.
…que con algo tan simple como soltar unha pedra, un pau, unha folla ou outros materiais naturais, nun balde con auga, potenciar a capacidade de pensamento deductivo, desenvolvendo diferentes intelixencias.
Pasamos á acción
Escollido o lugar no que se vai desenvolver a proposta, preto do río, máis a unha distancia que permita as interaccións entre as crianzas e os materiais sen que exista perigo, garantindo que todo o grupo poida formar un corro.
Prepararemos dous baldes de plástico transparente e encherémolos ata a metade de auga, xuntámonos todas e todos arredor dos baldes e presentamos a dinámica da actividade coa axuda dunha pequena selección de obxectos naturais como algunha pedra, paos e follas, co obxecto de que se fagan unha idea de que materiais poden recolectar máis tarde.

A continuación, pedirémoslle ás crianzas que recollan pola contorna dous ou tres materiais naturais que se poidan meter nos baldes. Insistiremos en que non se trata de coller moitos, senón cousas diferentes.
Unha vez feita a colleita, voltamos ao corro en torno aos baldes e de xeito organizado, en pequenos grupos, comezamos a experimentar cos elementos recollidos e a auga dos baldes. Non existe un guión previsto, deixando liberdade.
A actividade pode conducir ás crianzas a facerse preguntas sobre por que algúns obxectos flotan e outros non, por que uns afondan máis rápido que outros, por que se producen ondas cando algúns obxectos caen sobre a auga, se o que acontece no balde tamén ocorre no río, por que as cousas se ven diferentes a través da auga ou das paredes do balde… Co formato dunha asemblea promoverase que a través de diálogos moderados vaian formulando as súas preguntas e hipoteses e atopando respostas. As persoas adultas limitarémonos a animar e moderar a participación, se é preciso, observando con atención o que ocorre e documentando o proceso.
Rematada a actividade, coa participación de todas e todos, recolleremos todo deixando o espazo como estaba cando chegamos.
Precisamos…
… Un espazo chan e con boa luz.
… 2 baldes de plástico transparentes.
… Elementos naturais presentes no bosque (follas, paos, pedras, etc).
… Toallas ou papel para secarse as mans.


