Crónica da saída co grupo de 1º A do CSEI

5/10/2018

A mañá comezou ás 8:30 h. na aula, afondando nos principios psicopedagóxicos que deben rexer a nosa intervención educativa. Paseniño imos facéndonos co marco teórico que nos caracterizará como futuras educadoras infantís…

A iso das dez da mañá tomámonos un pequeno descanso para ir ao aseo, repoñer forzas e preparármonos para saír cara ao parque Loña no que teremos o noso primeiro contacto coa Escola no río.

É a nosa primeira saída e na mesma participamos o alumnado do grupo e todo o profesorado da familia profesional que imparte os módulos que cursamos. De camiño cara ao parque imos falando e observando as particularidades da ruta: anchura das beirarrúas, establecementos comerciais, … Trátase de ir facendo previsións de posíbeis centros de interese das nenas e os nenos.

Decatámonos do preto que está o río do noso centro cando, ao pouco de saír, cruzamos unha rúa e xa nos topamos coas primeiras árbores. Antes reparamos nas características do paso de peóns e imaxinámonos cruzando coas crianzas do noso grupo.

A entrada ao parque Lonia facémola por un camiño que nos vai introducindo no ecosistema de bosque de ribeira que acompaña ao río Loña no tramo da súa desembocadura. Camiñamos observando e departindo coas persoas que levamos ao noso carón. Na primeira parada presentamos o espazo no que nos atopamos. Trátase de que teñamos algúns datos para a nosa contextualización. O río Loña verte as súas augas no Miño a poucos metros de onde nos atopamos. As características da masa forestal que atopamos nesta marxe do río, xunto coa orografía do terreo, leváronnos desde hai varios cursos a valorar as súas potencialidades para ser aproveitada como espazo de educación medioambiental dirixido a nenas e nenos das primeiras idades. Un dos aspectos que máis valoramos desta contorna é que, a pesar da proximidade á cidade, atópase nun estado bastante virxe, o que permite explorar e experimentar sensacións netamente naturais. O curso pasado, en colaboración coa asociación Sustinea no marco da súa campaña Adopta unha árbore, formalizamos a adopción colectiva das árbores desta área. Trátase de facer un seguimento da súa evolución e írmonos pasando esa responsabilidade dunha promoción a outra.

DSC_0021

Escollemos un punto para baixar até o río e organizamos os tempos: a carón do río comezaremos cunha asemblea na que compartir máis información sobre os proxectos que nos ligan a este espazo, logo disporemos de tempo para explorar libremente o parque analizando as súas posibilidades educativas e finalmente daremos un pequeno paseo até a Ponte romana onde finalizaremos a actividade.

Con calma, transitando entre árbores por carreiros de paso, aproximámonos ao punto no que faremos a nosa asemblea. Comezamos escoitando unha interesante reflexión do Xavier sobre os efectos contaminantes de dous elementos moi presentes nas nosas vidas, as cabichas e os plásticos, aportándonos datos dos efectos sobre as augas das primeiras e sobre diversos animais dos segundos.

De seguido, presentamos os dous proxectos que nos ligan ao río Loña, por unha banda o Proxecto ríos, iniciativa xestionada en Galicia desde a asociación ecoloxista Adega e que ten por obxecto achegarnos á natureza en xeral e aos ríos en particular, comprometéndonos co seguimento dun tramo de río, analizando o estado das súas augas e as súas marxes ao longo do tempo para ir vendo a súa evolución. A participación neste programa estanos a permitir coñecer máis polo miúdo características deste tipo de ecosistema: especies que os habitan, estado das augas, manexo de bioindicadores, análise de impactos (vertidos, lixo, especies invasoras…), …

edf

Aínda que, seguindo as inspiracións das escolas do bosque do norte e o centro de Europa, desde o centro xa viñamos facendo intervencións neste espazo aproveitando as súas posibilidades educativas, foi o feito de sumármonos ao Proxecto ríos e valorar a posibilidade de aportar ao mesmo ideas para traballar neste contexto con nenos e nenas das primeiras idades, o que desencadeou o segundo proxecto que hoxe presentamos e que nomeamos como Escola no río. Durante os dous últimos anos vimos desenvolvendo ideas e propostas para levar a cabo con nenas e nenos de educación infantil nun bosque de ribeira. Trátase de aproveitar as posibilidades da contorna para o desenvolvemento de actividades relacionadas cos distintos módulos do noso currículo. Unha vez deseñadas e melloradas coa axuda de todo o grupo esas propostas son compartidas de xeito aberto a través do noso blog Os ollos do Loña. No transcurso desta aventura pedagóxiva establecemos relacións con compañeiras e compañeiros de dous centros de Meis (o CRA de Meis e o CPI Mosteiro-Meis) que nos permiten desenvolver as nosas propostas co alumnado dos seus centros.

Antes de pasar ao momento de exploración libre temos unha experiencia marabillosa. Celia, a profesora do módulo de O Xogo e a súa metodoloxía, pide catro persoas voluntarias que coa axuda dun fonendoscopio poderán escoitar catro elementos do bosque da súa elección. Todas as demais atendemos expectantes mentres o fonendo se vai achegando a unha árbore, ao chan, a un fungo ou a unha pedra. Finalmente as persoas comparten as súas experiencias e sensacións… Dun xeito sinxelo acabamos de ser testemuñas de como se induceun centro de interese, valorando a idea de facérmonos cun dispositivo semellante para repetir a experiencia.

DSC_0034

O paso dun amplo grupo de alumnado de primaria polos camiños do parque, acompañados do seu profesorado, sérvenos para reflexionar sobre a importancia de preparar as saídas pedagóxicas. Un entorno como este esixe respecto e o ruído é un elemento que vai condicionar as posibilidades de gozar de todas as súas posibilidades.

O tempo libre volve ser un momento marabilloso, despregámonos polo espazo en pequenos grupos e compartimos observacións e dúbidas, recollemos pequenas mostras, tiramos fotografías, retiramos lixo… O tempo pasa axiña e xuntámonos para a última etapa da nosa saída de hoxe.

Camiñamos, aproveitando para seguir estreitando os lazos que estamos tecendo a través da convivencia fóra da aula, e xuntámonos ao pé da pequena ponte romana do Loña. Non sen antes facer unha pequena paradanun pequeno muíño abandonado. Ao chegar ao noso destino acomodámonos nunha pena e asistimos á presentación que Rebeca nos fai de diversos libros relacionados co noso proxecto. Da súa man decatámonos de que na Biblioteca dispomos dunha sección específica na que podemos atopar diferentes guías relacionadas coa natureza, unhas pensadas especialmente para persoas adultas e outras adaptadas para as nenas e nenos. Tamén na sección de contos hai fondos relacionados co bosque, as árbores, os animais, o río… Despois de presentarnos varios libros que portaba na súa mochila, Rebeca agasállanos con dous contos que escoitamos engaiolad@s. Co son de fondo da auga do río os contos degústanse dun xeito especial!

IMG_20181005_120701

Antes de dar por finalizada a nosa saída decidimos gardar un momento de silencio, concentrármonos e tentar ver cantos tipo de paxaros somos quen de recoñecer polo seu canto. O momento alóngase máis aló dos dous minutos nos que sentadas ou deitadas, cos ollos abertos ou pechados, cada quen busca o seu estado de atención plena. Cando estamos saíndo da nosa concentración alguén avista na outra marxe do río un mamífero acuático. É a última sorpresa da xornada, dubidamos si se trata dunha lontra ou dun visón americano, especie invasora que vai colonizando os nosos espazos fluviais. Teremos que investigar para a súa correcta catalogación e para iso fixemos diversas fotografías no tempo en que se deixou ver.

DSC_0080

Con calma facemos o camiño de volta e damos por finalizada a nosa primeira lección na Escola no río…

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.