Pensada para
…que nenos e nenas experimenten novas formas de achegarse á literatura.
…que nenos e nenas exerciten as capacidades de atención e observación nun contexto de calma.
…que as crianzas den renda solta á súa imaxinación nun ambiente de respecto e afecto.
… que se establezan relacións de confianza, respecto, colaboración e afecto, entre nenas e nenos, á hora de realizar a actividade.
Pasamos á acción
Previa á saída coas crianzas teremos localizada unha zona segura e rica en posibilidades de exploración en canto a flora e fauna.

Unha vez no bosque deixaremos liberdade para o descubrimento, facendo especial fincapé no respecto polo hábitat das especies que atopen. Cando xa se sintan seguros no novo espazo, dividirémolos en pequenos grupos e introduciremos un elemento novo: as lupas. O número de lupas para cada grupo será o que decida cada educadora en función das actitudes que se queiran traballar: a espera, compartir, o respecto das quendas, etc.
Durante o tempo que dure a actividade aproveitaremos para falar das características dos elementos que interesen ás crianzas, contando co apoio das fichas de inspección e das guías de natureza que levemos.
Para finalizar, volveremos ao gran grupo e, en asamblea, conversaremos acerca dos descubrimentos feitos e dos momentos vividos.
Precisamos…
… Un espazo axeitado na contorna do río.
… Lupas de distintos tamaños para explorar.
… Guías da natureza.
… Fichas de inspección do Proxecto Ríos.


