Fai uns días saímos por primeira vez ao río Lonia para coñecer o entorno, ter un primeiro contacto e poder facer parte da programación para unha suposta saída con nenos a ese mesmo espazo.
Era un sitio que non coñecía de Ourense e que me sorprendeu gratamente, pois é un espazo tranquilo, rodeado de natureza e libre da cidade excepto por algúns sons que se manteñen debido á cercanía con esta.
Poder adentrarse da forma na que o fixemos nun espazo tan tranquilo foi unha experiencia marabillosa, sentindo a natureza en todas as súas formas, a través de sons, texturas e imaxes.
O paseo á beira do Lonia divídese en dúas zonas, unha reconstruída co obxectivo de parecerse máis a un parque, e outra completamente natural e sen alteracións que permite desfrutar do bosque tal e como é. Foi esta última na que nos estivemos, coñecendo plantas, árbores e incluso tipos de pequenos animais.
Pareceume unha actividade moi interesante e un sitio ideal para levar os nenos e traballar con eles a unidade da natureza, facilitándolles medios e coñecementos sobre a fauna e a flora da nosa zona de Galicia. Ademais, alí podemos facer xogos para desenrolar as sensacións grazas as diferentes texturas, temperaturas, sons e incluso olores.
Por suposto, hai desvantaxes, como por exemplo os desniveis e obstáculos do espazo, polo que sería necesario prestar moita atención aos nenos e ter moito coidado para evitar accidentes. Aínda así, creo que de ser unha nena, sería unha das miñas actividades favoritas a realizar coa miña Escola Infantil.

