Crónica da saída co grupo de 1º A do CSEI

5/10/2018

A mañá comezou ás 8:30 h. na aula, afondando nos principios psicopedagóxicos que deben rexer a nosa intervención educativa. Paseniño imos facéndonos co marco teórico que nos caracterizará como futuras educadoras infantís…

A iso das dez da mañá tomámonos un pequeno descanso para ir ao aseo, repoñer forzas e preparármonos para saír cara ao parque Loña no que teremos o noso primeiro contacto coa Escola no río.

É a nosa primeira saída e na mesma participamos o alumnado do grupo e todo o profesorado da familia profesional que imparte os módulos que cursamos. De camiño cara ao parque imos falando e observando as particularidades da ruta: anchura das beirarrúas, establecementos comerciais, … Trátase de ir facendo previsións de posíbeis centros de interese das nenas e os nenos.

Decatámonos do preto que está o río do noso centro cando, ao pouco de saír, cruzamos unha rúa e xa nos topamos coas primeiras árbores. Antes reparamos nas características do paso de peóns e imaxinámonos cruzando coas crianzas do noso grupo.

A entrada ao parque Lonia facémola por un camiño que nos vai introducindo no ecosistema de bosque de ribeira que acompaña ao río Loña no tramo da súa desembocadura. Camiñamos observando e departindo coas persoas que levamos ao noso carón. Na primeira parada presentamos o espazo no que nos atopamos. Trátase de que teñamos algúns datos para a nosa contextualización. O río Loña verte as súas augas no Miño a poucos metros de onde nos atopamos. As características da masa forestal que atopamos nesta marxe do río, xunto coa orografía do terreo, leváronnos desde hai varios cursos a valorar as súas potencialidades para ser aproveitada como espazo de educación medioambiental dirixido a nenas e nenos das primeiras idades. Un dos aspectos que máis valoramos desta contorna é que, a pesar da proximidade á cidade, atópase nun estado bastante virxe, o que permite explorar e experimentar sensacións netamente naturais. O curso pasado, en colaboración coa asociación Sustinea no marco da súa campaña Adopta unha árbore, formalizamos a adopción colectiva das árbores desta área. Trátase de facer un seguimento da súa evolución e írmonos pasando esa responsabilidade dunha promoción a outra.

DSC_0021

Escollemos un punto para baixar até o río e organizamos os tempos: a carón do río comezaremos cunha asemblea na que compartir máis información sobre os proxectos que nos ligan a este espazo, logo disporemos de tempo para explorar libremente o parque analizando as súas posibilidades educativas e finalmente daremos un pequeno paseo até a Ponte romana onde finalizaremos a actividade.

Con calma, transitando entre árbores por carreiros de paso, aproximámonos ao punto no que faremos a nosa asemblea. Comezamos escoitando unha interesante reflexión do Xavier sobre os efectos contaminantes de dous elementos moi presentes nas nosas vidas, as cabichas e os plásticos, aportándonos datos dos efectos sobre as augas das primeiras e sobre diversos animais dos segundos.

De seguido, presentamos os dous proxectos que nos ligan ao río Loña, por unha banda o Proxecto ríos, iniciativa xestionada en Galicia desde a asociación ecoloxista Adega e que ten por obxecto achegarnos á natureza en xeral e aos ríos en particular, comprometéndonos co seguimento dun tramo de río, analizando o estado das súas augas e as súas marxes ao longo do tempo para ir vendo a súa evolución. A participación neste programa estanos a permitir coñecer máis polo miúdo características deste tipo de ecosistema: especies que os habitan, estado das augas, manexo de bioindicadores, análise de impactos (vertidos, lixo, especies invasoras…), …

edf

Aínda que, seguindo as inspiracións das escolas do bosque do norte e o centro de Europa, desde o centro xa viñamos facendo intervencións neste espazo aproveitando as súas posibilidades educativas, foi o feito de sumármonos ao Proxecto ríos e valorar a posibilidade de aportar ao mesmo ideas para traballar neste contexto con nenos e nenas das primeiras idades, o que desencadeou o segundo proxecto que hoxe presentamos e que nomeamos como Escola no río. Durante os dous últimos anos vimos desenvolvendo ideas e propostas para levar a cabo con nenas e nenos de educación infantil nun bosque de ribeira. Trátase de aproveitar as posibilidades da contorna para o desenvolvemento de actividades relacionadas cos distintos módulos do noso currículo. Unha vez deseñadas e melloradas coa axuda de todo o grupo esas propostas son compartidas de xeito aberto a través do noso blog Os ollos do Loña. No transcurso desta aventura pedagóxiva establecemos relacións con compañeiras e compañeiros de dous centros de Meis (o CRA de Meis e o CPI Mosteiro-Meis) que nos permiten desenvolver as nosas propostas co alumnado dos seus centros.

Antes de pasar ao momento de exploración libre temos unha experiencia marabillosa. Celia, a profesora do módulo de O Xogo e a súa metodoloxía, pide catro persoas voluntarias que coa axuda dun fonendoscopio poderán escoitar catro elementos do bosque da súa elección. Todas as demais atendemos expectantes mentres o fonendo se vai achegando a unha árbore, ao chan, a un fungo ou a unha pedra. Finalmente as persoas comparten as súas experiencias e sensacións… Dun xeito sinxelo acabamos de ser testemuñas de como se induceun centro de interese, valorando a idea de facérmonos cun dispositivo semellante para repetir a experiencia.

DSC_0034

O paso dun amplo grupo de alumnado de primaria polos camiños do parque, acompañados do seu profesorado, sérvenos para reflexionar sobre a importancia de preparar as saídas pedagóxicas. Un entorno como este esixe respecto e o ruído é un elemento que vai condicionar as posibilidades de gozar de todas as súas posibilidades.

O tempo libre volve ser un momento marabilloso, despregámonos polo espazo en pequenos grupos e compartimos observacións e dúbidas, recollemos pequenas mostras, tiramos fotografías, retiramos lixo… O tempo pasa axiña e xuntámonos para a última etapa da nosa saída de hoxe.

Camiñamos, aproveitando para seguir estreitando os lazos que estamos tecendo a través da convivencia fóra da aula, e xuntámonos ao pé da pequena ponte romana do Loña. Non sen antes facer unha pequena paradanun pequeno muíño abandonado. Ao chegar ao noso destino acomodámonos nunha pena e asistimos á presentación que Rebeca nos fai de diversos libros relacionados co noso proxecto. Da súa man decatámonos de que na Biblioteca dispomos dunha sección específica na que podemos atopar diferentes guías relacionadas coa natureza, unhas pensadas especialmente para persoas adultas e outras adaptadas para as nenas e nenos. Tamén na sección de contos hai fondos relacionados co bosque, as árbores, os animais, o río… Despois de presentarnos varios libros que portaba na súa mochila, Rebeca agasállanos con dous contos que escoitamos engaiolad@s. Co son de fondo da auga do río os contos degústanse dun xeito especial!

IMG_20181005_120701

Antes de dar por finalizada a nosa saída decidimos gardar un momento de silencio, concentrármonos e tentar ver cantos tipo de paxaros somos quen de recoñecer polo seu canto. O momento alóngase máis aló dos dous minutos nos que sentadas ou deitadas, cos ollos abertos ou pechados, cada quen busca o seu estado de atención plena. Cando estamos saíndo da nosa concentración alguén avista na outra marxe do río un mamífero acuático. É a última sorpresa da xornada, dubidamos si se trata dunha lontra ou dun visón americano, especie invasora que vai colonizando os nosos espazos fluviais. Teremos que investigar para a súa correcta catalogación e para iso fixemos diversas fotografías no tempo en que se deixou ver.

DSC_0080

Con calma facemos o camiño de volta e damos por finalizada a nosa primeira lección na Escola no río…

 

De merenda

Por que merendar nun río?

Porque é un espazo natural con escaso mobiliario urbano, caracterizado pola súa amplitude para moverse e interactuar coa natureza, sen obstáculos e sen contaminación acústica.

Será unha merenda diferente, non utilizaremos cadeiras, nin mesas, nin pratos, en definitiva, instrumentos cotiás. A merenda será no chan, cun contacto directo coa natureza,  ao carón do río. Pero tamén será diferente porque será compartida cos/coas compañeiros/as e, sobre todo, coas familias.

A adaptación ao entorno pode ser complicada porque o chan é irregular, pero á vez gratificante porque nos sentaremos en círculo, mantendo un contacto visual. Isto proporcionaralles estimulación social e sensorial, ademais de educar na conciencia ambiental.

Naturezario

Comezamos levando a cabo un obradoiro de fotografía no río, para obter imaxes. Cada persoa retrata aqueles espazos, obxectos, elementos do río que máis lle interesen.  

Posteriormente, coa lectura de obras relacionadas coa contorna natural, selecciónanse frases que acompañen cada mes do ano.

Despois, chegará o momento de maquetar o calendario. Empregaranse entón as imaxes e citas seleccionadas entre todas.

A dinámica de traballo ten que involucrar a todas as persoas tendo en conta as súas potencialidades. Como a proposta abarca unha diversidade de tarefas tan amplas, todas poderemos participar nalgunha medida ao longo do proceso.

As estacións

Levaremos a cabo unha actividade de orientación á realidade, partindo do entorno natural do Loña, para diferenciar as características das estacións. Con esta iniciativa buscamos identificar o paso do tempo e aumentar a sensación de control sobre o contexto, observando os cambios producidos no río.

Ao longo do ano, realizaremos catro visitas ao río, observando as mudanzas estacionais e tomando fotografías da visita. Previamente, farase a lectura de contos adaptados, e, posteriormente elaborarase un mural coas imaxes tomadas.

A actividade comprende catro visitas ao río, unha en cada estación, e en cada visita repetiremos o mesmo esquema de traballo:

  • Sesión de preparación: lectura dun conto con pictogramas para anticipar a actividade.
  • Sesión no río: interacción guiada cos diferentes elementos naturais, tomando fotografías e identificando aspectos do río que cambian nas distintas estacións.
  • Sesión de análise: empregando as fotografías e facendo uso da memoria, adicaremos un momento á reflexión sobre as mudanzas estacionais.

Por último, elaboraremos unha memoria gráfica da actividade: un mural que recolla as mudanzas no río, a través das fotografías tomadas durante todo o ano.

Rastrexo

Moitas persoas, pasan a maior parte do día en contextos físicos moi estruturados e pouco estimulantes (o seu propio fogar, centros educativos, centros de día, centros residenciais…). O que pretendemos é xerar oportunidades de aprendizaxe nun contexto diferente: aberto, dinámico e cambiante.

Aprenderemos a identificar elementos do medio natural, interatuando con el, descubrindo novas sensacións e emocións.

Como? Xogando. Cada participante terá un soporte gráfico daqueles elementos do río que hai que identificar. Terá que localizalos e confirmar que están presentes no espazo. Irá almacenando nunha lista de comprobación, aqueles que atopou. Acompañaremos a actividade, proporcionando pistas ou facilitando a actividade para non xerar frustración coa procura. Trátase de observar e coñecer, non de competir.

Próxima parada: Río Loña

Mediante esta proposta pretendemos que as persoas adquiran, coa axuda das súas familias, as habilidades necesarias para facer un uso autónomo dos espazos comunitarios. O que implica tanto coñecer o río, como adaptarnos á comunidade e ao medio, recoñecendo as “regras” de comportamento implícitas nos diferentes espazos polos que se van a desprazar, para así desenvolverse cunha maior autonomía.

Queremos conseguir que as persoas con TEA, interioricen e xeneralicen a adecuación da vestimenta á climatoloxía, o manexo dos cartos para o desprazamento en transporte público e as diferentes alternativas para poder chegar ao río e gozar del dunha maneira responsable.

Facendo uso de distintas historias ou guións sociais dixitais, facilitaremos o desenvolvemento da visita ao río Loña. Unha historia serviranos para apoiar a selección da vestimenta, outro para manexarnos no autobús e, un último, para chegar até o río dando un paseo.

A natureza e as persoas facémonos unha soa…

 

Pensada para…

… que a través da observación as crianzas recoñezan diferentes elementos da natureza presentes na escola no río.

… que, a partir da representación corporal, potencien o control do propio corpo, o equilibrio e o autocoñecemento.

… que a natureza sexa percibida como un escenario de xogo no que promova a autonomía e a creatividade.

Pasamos á acción…

Teremos que ollar ben ao noso arredor, xa que logo pasarán cousas moi chulas se observamos ata os pequenos detalles…

Ao redor do río, por pequenos grupos, desprazarémonos libremente observando o que a nos chama a atención, podendo ser desde a árbore máis grande ata o animaliño máis pequeño, preguntando todo o que queiramos sobre o entorno.

[youtube https://www.youtube.com/watch?v=NvVMxcGbfEU&w=560&h=315]

Despois de que a curiosidade nos faga mirar para todo, xuntarémonos os pequenos grupos nun gran círculo e as crianzas que queiran representarán mediante sons, movementos, sombras… O que máis lle chamou a atención ou todo o relacionado co que antes se foi observando.

Precisamos…

… Un espazo de bosque que permita a observación de varios elementos distintos.

… Un espazo que permita a observación de varios elementos distintos.

Gústannos os contos, contamos un…?

Pensada para…

…. que as nenas e nenos experimenten a partir de diferentes materiais da natureza, novas formas de  utilización de los mesmos.

… que os cativos/as discriminen as formas dos diferentes elementos (redondas, cadradas, rectangulares …).

… que as crianzas distingan os tamaños dos elementos elixidos (grandes, pequenos, medianos …).

… que os nenos/as experimenten novas formas de achegarse á literatura.

Pasamos á acción…

Nesta proposta de animación á lectura adaptaremos o  conto “Un segredo do bosque”    de Javier Sobrino e Elena Odriozola da editorial OQO para contar nun entorno natural, usando elementos que se poidan observar na ribeira do río. Tamén se poden adaptar outros moitos contos coma por exemplo, “A mellor sopa do mundo”,” Pilú, Pilú”,” Corre , corre cabaciña”,  etc.

Co conto baixo o brazo emprenderemos o camiño cara ó lugar escollido. Unha vez alí, nós (as educadoras) cos materiais previamente preparados (bugallo, estrume, piña, pedra, tronquiño, rama, flor) pedirémoslle ós nenos/as que se senten nun semicírculo no chan para que vexan ben o que acontecerá.

Elementos conto Un segredo do bosque

Como precisamos silencio e atención, promoveremos a creación do ambiente idóneo mediante o retrouso dunha canción de Pablo Díaz chamada “Imos contar un conto” do seu álbum Tictac.

“pois imos contar un conto, un conto moi especial, non sabemos de que trata máis pronto se saberá”

Unha vez conseguida a calma, o silencio e a atención do nos auditorio comezaremos a  contar o noso conto.  Para iso unha de nós sentarase enfronte dos nenos/as co libro aberto na man, de maneira que todos/as podan ver as ilustracións do mesmo. Simultaneamente outra educadora collerá os materias, e irá presentando ós protagonistas e representando a historia á vez que se fai a narración de maneira compartida ca outra educadora (narradora e personaxes):

  • o esquío será un bugallo
  • o raposo será un estrume
  • o moucho será una piña dun piñeiro
  • o lobo será una pedra
  • o oso será un tronquiño
  • o leirón será una rama
  • a pita será una flor

A medida que imos contando o conto, cada vez que unha personaxe entre en acción, interactuaremos co elemento correspondente e moverémolo de forma que capte a atención dos nenos/as.

Precisamos…

… Un espazo axeitado dentro do bosque, unha zona chá e con herba curta onde poder sentármonos

… O conto ou contos escollido/s

… Os materias necesarios para contar o noso conto que neste caso son: pedra, pau, flores, bugallo, estrume, piña e tronco, mais que dependendo do conto escollido poden variar.

 

Walden

  • Autoría: Henry David Thoreau
  • Editorial: Errara naturae
  • ISBN: 9788415217459

“Fui a los bosques porque quería vivir con un propósito; para ha­cer frente sólo a los hechos esenciales de la vida, por ver si era capaz de aprender lo que aquélla tuviera por enseñar, y por no descubrir, cuan­do llegare mi hora, que no había siquiera vivido. No deseaba vivir lo que no es vida, ¡es tan caro el vivir!”

 

El roble

  • Autoría: Carlos Silvar
  • Ilustración: Calros Silvar
  • Editorial: editorial ártabro
  • ISBN: 978-84- 939942-8- 0